'WindowSwap': as ventás do planeta sen saír da casa
A experiencia resulta simplemente hipnótica. Picar e asomarse a ventás de todo o mundo.
Foi idea dunha parella de Singapur que cansou de ver sempre o mesmo na súa fiestra durante o confinamento. Crearon esta páxina web, 'WindowSwap'. Literalmente, intercambio de ventás. Percorrer o planeta sen moverse do sofá.
Todas as ventás son ben recibidas. A única máxima é que se vexa o marco. Vídeos de dez minutos de contemplación.
Quizais antes do confinamento isto resultaría unha rareza exclusiva para ollos particulares. Pero hoxe todos e cada un de nós podemos quedar facilmente atrapados polo engado de ver a vida pasar. A pandemia cambiounos a mirada.
Ata resulta xa fascinante compartir silencios de fogar alleo. O bocexo dun can. A cinematográfica ponte de Brooklyn. As pirámides aparcadas baixo o ruído dun tráfico caótico. Ámsterdam navegable dende o balcón. A brisa de Panamá abaneando árbores de formigón. As noites que viñeron e o vento que busca dentro a vida que non baila fóra.
Un inesperado éxito de ventás que, a fin de contas, acaban mirando o noso interior.