CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

"Wikimaratón da Galipedia" na Universidade da Coruña

Publicado o 16/04/2015 20:55



Esta tarde desenvolveuse na universidade da Coruña un "Wikimaratón da Galipedia". A iniciativa pretende dar a coñecer entre os universitarios a versión galega da coñecida enciclopedia na internet, Wikipedia.

"Un wikimaratón é unha reunión de usuarios da Wikipedia. Neste caso queremos dar a coñecer a Galipedia entre a comunidade universitaria...", comenta unha profesora da Facultade de Informática da UDC.

É iso necesario? Non utilizan os universitarios, por exemplo desta facultade de Informática, a Galipedia?

"Non, na Galipedia non consulto". "Eu o que apareza en Google", confesan un par de alumnos de Informática.

Vale. Daquela este "wikimaratón" pretende implicar a alumnos e docentes para que non só consulten na Galipedia, senón tamén que corrixan ou inclúan artigos nela. Para iso contan coa charla de dous administradores da enciclopedia, unha especie de usuarios veteranos con coñecementos sobre que aportar e como facelo.

"Levamos un pouco o control e a axuda aos usuarios sobre eses temas: que todo o contido sexa libre, sen copyright; a estandarización dos artigos para que todo siga un formato, unha estrutura definida...", di un administrador de Wikipedia e Galipedia.

Galipedia é a versión en galego da coñecida Wikipedia, que inclúe contidos propios que non están na súa irmá maior. Algúns cuestionan o seu prestixio pola forma na que se nutre da información.

"Toda a información que encontras na Wikipedia non a podes tomar como verdade ao 100%. Sempre tes que buscar outras fontes, pero é un bo punto de partida porque é unha compilación doutras fontes".

Esas compilacións ou artigos son corrixidos e revisados constantemente por outros usuarios como os que hoxe asisten ao wikimaratón, e supervisados por administradores como el.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí