CRTVG

Buscar

Vox garante o apoio a Ayuso: "Comeza un cambio de rumbo en España"

Publicado o 04/05/2021 23:00

EFE

EFE

A candidata de Vox á Comunidade de Madrid Rocío Monasterio vaticinou que o resultado das eleccións autonómicas en Madrid é "o comezo dun cambio de rumbo para toda España", tras a vitoria de Isabel Díaz Ayuso (PP), que necesitará,subliñou, dos votos da formación de Santiago Abascal para gobernar.

"Este é o comezo dun cambio de rumbo para toda España. Cumprimos co que dixemos de parar a esquerda", dixo Monasterio, quen defendeu que Vox será "clave" e os seus votos "serán decisivos para absolutamente todo".

Monasterio, desde a sede de Vox en Madrid, onde compareceu xunto a Santiago Abascal, deixou claro tamén que nos próximos días facilitarán "a investidura como presidente" de Isabel Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid. "Non ten que haber ningunha dúbida nisto, a señora Díaz Ayuso terá que elixir entre Vox ou unha abstención do PSOE. Agora mesmo a decisión é súa", recalcou Monasterio.

Santiago Abascal tamén extrapolou o resultado das eleccións en Madrid ao resto de España e lembrou que Vox esixiu "eleccións xerais hai moito ao Parlamento nacional" porque "non representa o conxunto dos españois".