CRTVG

Buscar

PP e Vox non chegan a ningún acordo para o Goberno andaluz e reuniranse de novo

Publicado o 08/01/2019 23:02

O encontro entre as direccións do PP e de Vox para lograr un acordo en Andalucía que permita investir a Juanma Moreno como presidente da Junta pechouse sen acordo, segundo informaron fontes da dirección nacional do PP. Tras varias horas de reunión, ambas as delegacións quedaron en volver verse este mércores para seguir negociando.

A reunión

Vox chegou á reunión co PP con 19 propostas para apoiar a investidura de Juanma Moreno. O partido de extrema dereita pide, entre outras cousas, a devolución ao Estado de competencias autonómicas, a expulsión de 52.000 inmigrantes ilegais e a derrogación da Lei contra a violencia de xénero de Andalucía.

Para o PP estas propostas son inaceptables e un despropósito que non van apoiar. Con estas peticións, din os populares, Vox demostra que non quere un acordo.

Horas antes do encontro, o secretario xeral do PP, xa advertía a Vox de que a reunión non era o foro axeitado para falar de modificacións na lei contra a violencia de xenero.

"Nunha reunión de dous partidos en que imos elixir o futuro presidente da Junta de Andalucía eu creo que non é o foro axeitado para debatelo. Iso hai que debatelo no Congreso, no Parlamento de Andalucía e é necesario que se elixa o novo presidente e os deputados, libremente, fagan as súas propostas", asegura Teodoro García Egea, secretario xeral do PP.

Desde Ciudadanos cualifican como pouco serias algunha das propostas de Vox e recórdanlle ao partido de extrema dereita que a inmigración é competencia do Estado. A formación de Rivera di que está centrada en pechar o acordo co PP e apela á responsabilidade dos partidos con representación no Parlamento andaluz.

"Aos demais grupos, se de verdade queren pensar nos andaluces, que prioricen o desbloqueo ás siglas e ás porfías. Que permitan, en definitiva que haxa goberno e, a partir do goberno, poderemos dialogar co resto de grupos da cámara para poñer en marcha reformas, leis, escoitar os demais grupos e chegar a acordos que é o que necesita este país", di Albert Rivera, presidente de Ciudadanos.

Ciudadanos e PP continúan ultimando a estrutura do novo goberno da Junta, prevén pechalo este mércores.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2019