Vox di que ten un pacto de goberno co PP en Madrid e insta a C's a sumarse
Juan Trinidad, de Ciudadanos, é o novo presidente da Asemblea de Madrid cos votos do seu grupo, PP e Vox. A súa elección e a repartición dos outros postos na Mesa parecía presaxiar un posible acordo para gobernar a comunidade. De feito, a candidata de Vox, Rocío Monasterio, anunciaba un pacto de goberno co PP e dáballe quince días a Ciudadanos para sumarse.
"Inclúe as posicións na Mesa e, por suposto, as posicións de goberno, entes, consellerías, etc, en proporción ao número de escanos que temos, como é lóxico. Logo xa veremos se Ciudadanos se suma a este acordo ou non", dixo Monasterio.
"Eu non sei que acordo ten asinado Vox co PP. O que sei é o que nós estamos dispostos a asinar e é un acordo exclusivamente co Partido Popular", apuntou o candidato de Ciudadanos, Ignacio Aguado.
O PP tamén desmentiu o acordo con Vox. Di que só hai un documento interno aséptico, unha folla de ruta para negociar en que non se reparte nada.
En Murcia a presidencia da Asemblea tamén foi para Ciudadanos. Alberto Castillo foi elixido en segunda votación cos apoio do seu partido e do PP e os votos en branco de Vox.