CRTVG

Buscar

Vox dá por roto o pacto co PP para gobernar nos concellos

Publicado o 25/06/2019 21:17

"Vox dá por roto o acordo en todas as localidades nas que a outra parte incumpriu e pasa á oposicion".

Así anunciaba Iván Espinosa de los Monteros o voceiro de Vox no Congreso que o seu partido rompía o acordo co PP no Concello de Madrid e no resto de municipios onde os populares non cumpran o pactado. Para demostralo, Vox facía público o documento asinado co PP o 15 de xuño e onde se recolle o "nomeamento de persoas indicadas por Vox en concellerías de goberno". Un punto que, destacan os de Abascal, non se respectou no Concello de Madrid.

A resposta do PP non tardou en chegar por boca do secretario xeral. Egea asegura que vai cumprir o pactado con Vox e recorda que o prazo remata aínda o 5 de xullo. Egea tamén aproveitou para lanzarlle unha advertencia aos de Abascal.

"O importante é saber que queremos facer co goberno. Isto non é unha repartición de cadeiras, non é o xogo das cadeiras en que a música soa e cando para a música hai que correr para sentar na cadeira baleira. Non, isto é a formación dun goberno", aseguraba Teodoro García Egea, secretario xeral do PP.

As que non están rotas son as negociacións para a Comunidade de Madrid. Este mércores os equipos de Vox e do PP retoman as conversas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019