CRTVG

Buscar

Vox alcanza un acordo co PP para apoiar a investidura de Juanma Moreno

Publicado o 09/01/2019 21:20

Aclárase o camiño para o cambio de Goberno en Andalucía. O PP asinou por separado senllos acordos con Ciudadanos e con VOX que garanten a presidencia da Junta para Juanma Moreno. O seu vicepresidente será o líder de Ciudadanos, Juan Marín. Como estaba previsto, os de Santiago Abascal non entrarán no executivo e dan marcha atrás nas súas esixencias de derrogar a leis contra a violencia de xénero.

Con esta sinatura, Ciudadanos compromete os seus 21 votos no Parlamento andaluz para facer presidente ao popular Juanma Moreno. A cambio, Juan Marín será o seu número dous. Habera 11 consellerías, dúas menos que agora, que aínda non están repartidas. Ciudadanos desmárcase dos compromisos entre o PP e VOX.

Juan Marín, Voceiro de Ciudadanos en Andalucía: "O que si lle deixei moi clariño é que, en ningún momento, eses acordos poderían vencellar o Goberno nin modificar o acordo de 90 medidas que puxemos en marcha".

A formación de Santiago Abascal daralle a Juanma Moreno os 8 votos que lle faltan. Despois de 24 horas de xuntanzas a porta pechada, VOX e o PP acordaron crear unha Consellería de Familia, substituir a Lei de memoria histórica por outra de concordia e evitar medidas que favorezan o efecto chamada entre os inmigrantes. A formación ultra retira esixencia inicial de derrogar as leis contra a violencia de xénero ou de defensa de gais e lesbianas.

Javier Ortega, secretario xeral de VOX: "Hoxe perden as leis liberticidas, a inmigración ilegal, a corrupción os chiringuitos, a administración paralela".

Juanma Moreno, presidente do PP de Andalucía: "Con audacia, con xenerosidade, con dilixencia, ás veces con determinación, pero sempre coa vontade plena de alcanzar un acordo para que se produza o ansiado cambio que os andaluces nos demandaron".

Este xoves, a presidenta do Parlamento comezará a rolda de consultas previa á convocatoria da sesión de investidura

Ana Pastor pide que non se faga un uso político das mulleres

Ao preguntarlle polas pretensións iniciais de Vox, a presidenta do Congreso pide que non se faga un uso político das mulleres.

"Todos os demócratas, especialmente as mulleres, estamos coas mulleres que sofren violencia, que son vítimas da violencia. Estamos para protexelas e, sobre todo, para que non se faga un uso político das mulleres", asegurou Ana Pastor.


 


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2019