CRTVG

Buscar

Von der Leyen pide non repetir no Nadal os erros do verán ao relaxar as medidas demasiado rápido

Publicado o 25/11/2020 18:38

A presidenta da Comisión Europea (CE), Ursula von der Leyen, instou este mércores para "aprender do verán e non repetir os mesmos erros" ao eliminar as restricións contra o coronavirus tras a segunda onda da pandemia e recoñeceu que este Nadal deberán ser "máis silenciosas".

"Debemos aprender do verán e non repetir os mesmos erros. Relaxar (medidas) demasiado rápido e demasiado amplamente é un risco para que haxa unha terceira onda despois do Nadal. Este Nadal será diferenta. Si, será máis silencioso", dixo Von der Leyen ante o Parlamento Europeo.

A alemá apuntou a que o coronavirus foi a semana pasada a principal causa de morte entre os cidadáns europeos, cuns 3.000 falecementos diarios, e que nalgunhas rexións as unidades de coidados intensivos seguen sufrindo unha elevada presión, pero lembrou as "boas noticias" que conlevan os avances na procura dunha vacina.

"Os primeiros europeos poderían estar vacinados antes de finais de decembro. Finalmente hai luz ao final do túnel", dixo Von der Leyen. Con todo, recalcou que "aínda que as vacinas son importantes o que importa é a vacinación" e pediu aos estados membros que poñan xa en marcha a preparación loxística que requirirá a campaña de inmunización contra o coronavirus, desde os millóns de xiringas necesarios ata a organización de centros de vacinación ou formación do persoal que administrará o profiláctico.

"Os estados membros deben preparar a loxística para a eventual distribución de centos de millóns de doses. Porque este é o noso billete de saída da pandemia", dixo Von der Leyen.

 

 

Noticias web

25/11/2020