CRTVG

Buscar

Von der Leyen asegura que o recoñecemento dos talibáns "non está sobre a mesa" para o G7

Publicado o 24/08/2021 18:46
Von der Leyen asegura que o recoñecemento dos talibáns "non está sobre a mesa" para o G7
EFE

A presidenta da Comisión Europea (UE), Ursula von der Leyen, dixo este martes que o recoñecemento do réxime talibán en Afganistán "non está sobre a mesa" para o G7 e que non se manteñen con eles negociacións políticas, só conversacións "operacionais" necesarias para as evacuacións desde Cabul. 

"Hai conversacións operacionais que son necesarias para os procedementos diarios arredor de Cabul e o aeroporto, pero isto está completamente separado de negociacións políticas ou calquera cuestión de recoñecemento", dixo von der Leyen nunha conferencia de prensa tras participar na reunión extraordinaria por videoconferencia do G7 sobre Afganistán. 

O G7, engadiu, é "moi claro" en que ten "condicións moi estritas" para as conversacións cos talibáns e "está unido na cuestión dun recoñecemento que non está sobre a mesa cos talibáns".

Merkel avoga por unha vía civil para seguir coa evacuación de persoas

A chanceler alemá, Angela Merkel, avogou hoxe por buscar unha "vía civil" para poder seguir coa evacuación de persoas de Afganistán cando se complete a retirada do exército dos EUA do país, sen cuxo apoio, engadiu, non se poderán manter estas operacións.

"O presidente dos EUA non nos deu ningunha nova data, máis aló da xa coñecida do 31 de agosto", afirmou a líder alemá, ao termo da reunión virtual dos líderes do G7, convocada pola presidencia de quenda do grupo, que exercer Reino Unido.

Os países do G7 esixirán aos talibáns un "paso seguro" para aquelas persoas que queiran abandonar Afganistán máis aló do 31 de agosto, informara anteriormente o primeiro ministro británico, Boris Johnson.

Johnson di que o G7 intenta concretar unha "folla de ruta" para relacionarse cos talibáns

As principais potencias económicas do mundo discutiron un "enfoque conxunto" para facer fronte á evacuación, pero tamén unha "folla de ruta" sobre posibles formas de manter o contacto cos talibáns, a condición de que exista confirmación de que o movemento respecta os Dereitos Humanos e abstense de fomentar o terrorismo internacional. 

"Afganistán non pode volver converterse nun caldo de cultivo do terror; Afganistán non pode converterse nun narcoestado; as nenas teñen que ser educadas ata os 18 anos e así sucesivamente. Esas son cousas importantes que valoramos como G7", indicou o primeiro ministro británico. 

"Continuaremos evacuando ata o último momento que podamos", explicou de todos os xeitos Johnson, antes de mostrarse confiado en que Reino Unido poderá sacar "miles de persoas máis de Afganistán" dentro dos próximos sete días, aínda que a caótica situación no aeroporto da capital, Cabul, epicentro das saídas, "non está a mellorar". 

"Atopámonos con escenas arrepiantes para os que tentan saír", lamentou Johnson, quen confirmou que o Reino Unido evacuou máis de 9.000 persoas desde a caída de Cabul a mans do talibán, o pasado 15 de agosto.

Noticias web

24/08/2021