CRTVG

Buscar

Volven subir os novos contaxios e o número de mortos diarios en España

Publicado o 14/05/2020 11:55

Os datos do Ministerio seguen a amosar una estabilización nas cifras xerais da pandemia provocada pola COVID-19, pero cunha repunta diaria no número de falecidos, que hoxe racha e supera a cifra psicoloxica dos 200 mortos ao día. Segundo os datos que hoxe publica o Ministerio de Sanidade, hai, outra vez, un aumento no número de mortos, 217 nas últimas 24 horas. Onte, mércores, publicáronse 184, o martes Sanidade publicou 176, e o luns, 123. 

total de persoas que morreron en España vítimas do coronavirus desde o inicio da pandemia é de 27.321.

Tamén aumenta a porcentaxe de contaxios, o 0,22 % a día de hoxe fronte ao 0,19 % do mércores e do martes e ao 17 % de media de España do luns.

O número de novos contaxios nas últimas 24 horas é de 506, fronte aos 439 publicados onte por Sanidade. O martes informaran de 426 e o luns, de 373.

O total de positivos por PCR en España de que dá conta o Ministerio de Sanidade hoxe é de 229.540. Deles, 40.088 son persoal sanitario.

O número total de persoas que xa están curadas é de 143.374, 2.551 rexistráronse onte.

As comunidades que onte comunicaron un maior número de contaxios foron, por esta orde, Cataluña, Madrid e Castela e León.

Só Cantabria e Melilla non comunicaron novos contaxios rexistrados onte.

Non comunicaron mortos nas últimas 24 horas as Canarias, Cantabria, Ceuta, Melilla, Murcia e A Rioxa.

Sen novas hospitalizacións quedaron as Baleares, as Canarias, Ceuta e Melilla.

Tiveron novos ingresos en UCI: Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Madrid e o País Vasco.

A cifra diaria de falecidos volve aumentar ata 217 
 

Tras cinco días consecutivos por debaixo de 200, as cifras de novos falecidos en España volven aumentar ata os 217. Pero a maioría son na mesma comunidade, en Cataluña. Non se sabe se son novas defuncións ou se houbo un atraso na comunicación de mortes de días pasados.

Tamén volven subir lixeiramente, ata 506, os novos contaxios diagnosticados por PCR en España. Pero Fernando Simón quítalle importancia porque en xeral a evolución por comunidades é boa e incluso algunhas como Asturias e Cantabria non tiveron ningún caso novo.

"Hai en xeral unha evolución á baixa moi interesante que nos permite pensar que seguimos nunha situación favorable como a dos días pasados", asegurou Simón.

Sobre o aumento de diagnósticos de coronavirus en menores de dez anos, Simón di que o incremento é igual en todos os grupos de idade e desvincúlao das saídas dos pequenos.

"Non parece que haxa un efecto relacionado coa apertura, coas medidas de alivio aplicadas para o paseo dos nenos", asegurou.

Advirte que pode haber un rebrote en calquera lugar e que evitalo dependerá de nós.

"Do prudentes que sexamos todos á hora de establecer as nosas relacións sociais coas persoas que temos ao noso arredor", afirmou Simón.

A que segue aumentando é a cifra de profesionais sanitarios contaxiados, maís de 50.000 desde o inicio da pandemia.