CRTVG

Buscar

Volven subir os casos activos (+38) e as hospitalizacións (+10) en Galicia

Publicado o 15/12/2020 09:45

• Aumentan os casos nas áreas de Santiago, Vigo e Pontevedra

• Os cribados masivos fan caer a positividade por debaixo do 4 %

Volven subir os casos activos (+38) e as hospitalizacións (+10) en Galicia

Nova xornada de suba de casos activos. Galicia ten 5.598 persoas con coronavirus, segundo os datos do Sergas consolidados onte ás 18:00, 38 máis ca onte. Houbo 275 novos contaxios, 227 confirmados por proba PCR.

Por áreas sanitarias a repartición sería:

• Vigo: 1.329 (+25)

• A Coruña: 929 (-26)

• Pontevedra: 867 (+19)

• Santiago: 1.005 (+53)

• Ferrol: 562 (-1)

• Lugo: 470 (-16)

• Ourense: 436 (-16)

Aumenta lixeiramente a presión asistencial

O número de persoas hospitalizadas varía lixeiramente respecto a onte: hai 375 persoas ingresadas, 319 en planta (+9) e 56 nas UCI (+1). Un aumento que, xunto ao de onte, muda unha tendencia favorable de alivio nas últimas semanas, logo dun novembro cunha media de persoas nas UCI por riba dos 100.

Por desgraza, o número de vítimas no país nesta pandemia segue en aumento. Onte o Sergas notificou sete falecementos. O número de galegas e galegos finados por mor do coronavirus ascende a 1.319.

A positividade media baixa do 4 %

As probas PCR notificadas polo Sergas son semellantes ás de onte: 8.032 probas (-8), un número elevado se o comparamos coas cifras do último mes. O motivo está nos múltiples cribados masivos en varios concellos do país, cunha asistencia superior ao 75 % na maioría dos casos.

Curiosamente, este é o primeiro martes desta segunda vaga en que as probas PCR notificadas non caen de xeito considerable respecto ao resto da semana.

Porén, delas, só deron positivo 227, o cal revela unha taxa de positividade que cae ata un 2,87 %, a máis baixa dende que existen datos oficiais sobre positividade das PCR.

No que respecta á taxa positividade media dos últimos sete días, esta baixa por pouco do 4 % e queda no 3,99 %. É practicamente un punto por debaixo do limiar máximo que recomenda a OMS para dar por controlada unha pandemia (5 %).

Mapa de incidencia acumulada por concellos