Volven intentar o calote do envío por DHL, desta volta nunha residencia de maiores de Betanzos
Esta mesma semana producíase un intento de estafa en varios hoteis de Ferrolterra co calote que simula un falso envío a través dunha empresa de paquetería.
Malia que a compañía DHL advirte na súa web de que se está a empregar o seu nome de xeito fraudulento, segue a haber quen a través dunha chamada telefónica solicita un pago para poder entregar ese presunto paquete.
Hoxe soubemos que a estafa tamén se intentou poñer en práctica en prexuízo dunha residencia de maiores de Betanzos. Neste caso dun xeito algo máis sofisticado, pois a primeira chamada que recibiron alí foi a dun suposto inspector de Sanidade que anunciaba unha inminente visita. Nela tiña previsto recoller uns documentos que, aseguraba, recibirían a través desa mesma empresa de mensaxería. Por sorte, o persoal da residencia sospeitou do procedemento e puxo os feitos en coñecemento da consellería e da Garda Civil.