CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

Volven escavar o conxunto arqueolóxico de Armea, en Allariz

Publicado o 06/07/2016 20:51



Volven os traballos de escavación ao conxunto arqueolóxico de Armea, no concello de Allariz. Ata finais de xullo un equipo de 22 persoas, con estudantes universitarios chegados de varios puntos da península, exhumará parte dunha importante cidade romana.

É un poboado galaico romano do século I, calculan que pode ter oito hectáreas ubicadas nun bosque autóctono de Armea, na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas.

"Este tipo de xacementos romanos son moi pouco habituais, temos estes poboamentos tan urbanos nas cidades, Lugo, Braga, nas grandes cidades romanas da Galaecia, pero en ambiente rural como é o de Armea pois é moi pouco habitual en Galicia, posiblemente estamos falando da única cidade escavada así cun trazado tan urbano, con rúas, prazas, grandes casas de época romana, no interior dun poboado prerromano que evolucionou ata converterse nunha cidade"

Grazas a un convenio entre o Concello de Allariz e a Universidade de Vigo, durante todo o mes de xullo estará exhumando esta antiga cidade un equipo de 22 persoas, con alumnos de universidades de España e Portugal. Tiveron ata 250 solicitudes.

"Son de Barcelona, estudo arqueoloxía, vou en segundo e esta escavación estame gustando moito, é moi chula a verdade". "A verdade é que é unha grande experiencia porque, ademais, é a primeira vez que escavo, estou empezando non teño moita idea e encántame todo, e o ambiente, moi bonito o lugar"

O conxunto arqueolóxico de Armea é o maior do sur do país. Aquí hai restos que datan da prehistoria ata a época medieval, boa parte deles por descubrir.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí