CRTVG

Buscar

Volven despacharse billetes nas estacións de tren en que se cancelara o servizo

Publicado o 15/01/2020 11:38
Volven despacharse billetes nas estacións de tren en que se cancelara o servizo

Os billetes de tren volven venderse desde este mércores de forma presencial nas estacións de ferrocarril en que se deixou de prestar ese servizo o pasado 31 de decembro, as de menor tráfico de viaxeiros. En concreto en Galicia eran as de Guillarei, Redondela, O Carballiño, Sarria, Ribadavia, Ortigueira, Viveiro e Burela.

Segundo fontes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de momento volverase á situación existente ata que, co cambio de ano, Renfe asumiu a venda de billetes en 142 estacións en que, ata ese momento, o Adif se ocupaba desa tarefa.

Trátase, segundo esas fontes, dunha medida provisional mentres se buscan solucións definitivas mediante acordos de colaboración con deputacións e concellos interesados en manter a venda presencial.

Tras o traspaso da venda de billetes do Adif a Renfe nesas 142 estacións, a compañía ferroviaria precisou que só se despacharían de forma presencial nas que superasen os cen viaxeiros diarios.
No resto das estacións, os viaxeiros debían recorrer a outros medios de compra, como internet, teléfono ou máquinas de autovenda.

Con todo, o pasado 3 de xaneiro, o deputado de Teruel Existe, Tomás Guitarte, anunciou que o Goberno se comprometera a paralizar durante seis meses o peche dos despachos de billetes nas estacións con menos de cen viaxeiros diarios.

Este compromiso formaba parte dos acordos alcanzados con Teruel Existe para apoiar a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

En xuño de 2017, o Adif xa traspasara a Renfe a venda de billetes na maioría das estacións, pero aínda desempeñaba ese labor nas de menor tamaño.