CRTVG

Buscar

Volven caer os casos activos en Galicia, sobre todo polo descenso na provincia de Lugo

Publicado o 14/07/2020 12:19

• O resto das áreas rexistran variacións pouco significativas

• Na Mariña descenden a 163 os casos activos, 21 menos ca onte

Volven baixar os casos activos de coronavirus en Galicia. En concreto, hoxe hai 17 menos ca onte. E é sobre todo grazas a que tamén descenderon en 17 o número de infectados na área de Lugo, á que pertence o brote da Mariña.

No resto das áreas hai variacións pouco significativas. Tampouco se producen cambios nas hospitalizacións: unha persoa na UCI e seis en planta. Outras 22 persoas recibiron a alta nas últimas 24 horas.

Cae a 163 o número de casos activos na Mariña tras 21 altas

A Consellería de Sanidade confirmou este martes que no brote da Mariña hai 163 casos activos de coronavirus, 21 menos que na xornada de onte luns, segundo o último reconto.

De feito, todas as probas PCR realizadas nas últimas horas deron negativo, e iso implica que o "brote non sumou ningún caso positivo nesta última xornada", precisa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), cuxos responsables en Lugo indicaron onte que o brote estaba "controlado".

A iso súmase que nas últimas horas recibiron a alta médica 21 persoas que deran positivo por covid-19.

Desde que foi detectado o brote polas autoridades sanitarias, máis de cincuenta persoas que deran positivo están xa curadas e recibiron a alta médica.

Tamén aclara o Sergas que, neste momento, a porcentaxe de probas PCR positivas é "moi baixa", nada que ver co 20 % que se rexistraba no momento en que as autoridades sanitarias adoptaron "medidas especiais" para conter a propagación do virus e controlar o brote.

Ademais, confirma que todos os novos positivos que se foron detectando na área sanitaria estaban relacionados co brote, e iso permitiu manter en todo momento a trazabilidade dos casos, desde que o 23 de xuño foi localizado o primeiro positivo.

Dos 163 casos positivos, a maioría son "asintomáticos" ou presentan cadros leves, aínda que deben gardar corentena durante 14 días. Ademais, dúas persoas atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña, en Burela, e a súa evolución é favorable.