CRTVG

Buscar

Volven as clases, volve o medo aos piollos

Publicado o 10/09/2019 16:24

Vaise iniciando o colexio, vai entrando na farmacia o medo aos piollos.

"En setembro o que máis vendemos é para previr. Unha loción, por exemplo, que é preventiva e que se hai algún piollo acaba con el en dez ou quince minutos".

Nada que ver coa escravitude daqueles remedios caseiros.

"Botábanche vinagre na cabeza, envolvíancha cunha toalla e tiñas que estar así toda a tarde".

Vexamos o remedio que lles aplicaba aos alumnos unha mestra xubilada.

"Unha unlla contra outra e matáballe o piolliño".

Claro que tal sistema podía dar certos problemas: "Chamoume a directora para dicirme que non podía dicir piollo, así que á nena pedinlle que lle dixera á nai que tiña 'voadores'...".

Os piollos non voan nin nadan. Pasan dunha cabeza a outra cando se tocan, cousa frecuente no colexio. Falamos cunha mestra en activo.

"Nós non revisamos cabezas. O que temos é precaución, e recollemos o cabelo". "Se o pelo está longo é máis fácil que quede aí".

Agora ben, hai mitos que desterrar: "Non ten por que ser xente con falta de hixiene".

Calquera pode ter piollos. Por iso nos colexios mandan notas chamando á precaución.

"Ide botándolle algo, por se acaso". "O problema é que, ás veces, ademais da nota mándanche ir buscar o neno".

Época, en fin, de prevención.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/09/2019