Volven as apertas ás residencias de maiores
• Neste centros nos que a vacinación está máis avanzada amplíanse as saídas e autorízase o contacto físico nas visitas
• "Cada vez que veño velos, sufro", di o fillo dun matromio ingresado nunha residencia
Nas residencias de maiores e os centros de día, onde a vacinación está moito máis avanzada, amplíanse as saídas e autorízase o contacto físico nas visitas.
Joaquín e Germana chegaron xuntos á residencia Hermanos Prieto do Carballiño. Son matrimonio e sempre van da man. Un privilexio, o do contacto, vetado para o seu fillo.
José Manuel Fernández ten os pais nunha residencia e di que "cada vez que veño velos, sufro, porque boto unha semana sen miralos, e choro, non quero chorar pero sae. A ver se a partir do día 9 podemos vivir un pouco mellor, sacalos a pasear fóra, estar con eles e abrazalos".
Os pais tamén están ansiosos. O último ano foi difícil. Tanto que os consumiu por dentro e por fóra. "Baixei 20 quilos. Será moi bonito cando sexa todo normal", di Joaquín.
Para Susa, o máis urxente son os paseos, as saídas ao exterior, que se amplían a cinco por semana. Xa ten planeado a onde levar o seu home. "Levalo pasear por aí, á praza, a ver se está algún amigo, e que poida saír un pouco", asegura.
Tamén se autorizará aos usuarios a pasaren un mínimo de cinco días coa familia, con PCR á volta para evitar riscos. A relaxación das medidas de seguridade é o que máis preocupa aos responsables dos centros.
"Apelamos á responsabilidade de que sexan saídas controladas, con causas xustificadas, para non dar pasos atrás", di Nuria Iglesias, directora da residencia Hermanos Prieto do Carballiño.
As novas medidas aplicaranse tamén nos centros de día, sempre que teñan o 90 % dos usuarios vacinados.