CRTVG

Buscar

Volve subir o número de contaxios e de falecidos en España ata superar os 19.000 mortos

Publicado o 16/04/2020 13:25

• Falecen 551 persoas nas últimas 24 horas e hai 5.183 novos contaxios

• Sanidade di que o aumento nos contaxios se explica no incremento de tests

• Descarta o novo criterio de Cataluña con datos das funerarias

 

Os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade das últimas 24 horas en España incrementararon o número de falecidos e de contaxios.

• As persoas falecidas son 551, nas últimas 24 horas. En total xa son 19.130 as vítimas mortais desde o inicio da pandemia.

• Son 5.183 novos contaxios, cun crecemento do 2,9 %, a mesma porcentaxe ca onte.

• Dos novos contaxios de onte, 1.312 son positivos asintomáticos.

• O total de contaxiados en España é de 182.816 persoas.

• As persoas curadas ata agora suman en total 74.797.

As comunidades autónomas máis afectadas polo coronavirus seguen sendo por esta orde:

Madrid, con 50.694 contaxios en total e 6.877 falecidos.

Cataluña, con 37.354 contaxios e 3.855 falecidos.

Castela-A Mancha, con 15.151 contaxios e 1.796 vítimas mortais.

Castela-León ten 14.380 positivos en coronavirus e 1.372 persoas falecidas.

A comunidade autónoma menos afectada segue sendo Murcia: ten 1.598 persoas contaxiadas e 111 falecidas.

O Ministerio de Sanidade aclara que o aumento do número de contaxios en relación coa tendencia á baixa que se viña mantendo ata o martes débese ao maior número de tests que se están realizando neses momentos.

Non se recolle o novo criterio de Cataluña

"Estamos facendo mais de 40.000 probas diagnósticas diarias, o dobre que en semanas anteriores, por iso non é unha mala noticia que aumenten os casos".

Así se explican, segundo Fernando Simón, os máis de cinco mil novos contaxios. A cifra máis alta desde o 9 de abril, aínda que o aumento se mantén por debaixo do 3 %. A porcentaxe é similar á do número de falecidos, 551, porque Sanidade obviou as novas cifras de Cataluña. A Generalitat decidiu contabilizar os falecidos en residencias e casas particulares cos datos proporcionados polas funerarias."Se non hai diagnóstico, non existe a seguridade de que faleceran por causa do coronavirus", di Simón. E engade que non se sabe se eses falecidos foran previamente diagnosticados de coronavirus nin se faleceron onte ou hai xa tempo.


Co novo reconto, Cataluña confirmou un total de 7.000 falecidos, case o dobre dos que dicía ata agora. Segundo os expertos, a ninguén lle gustaría ter esas cifras, pero estarán moi por debaixo das reais.

"É moi dificil coñecer a cifra real de falecidos por coronavirus", di Fernando Simón.

As cifras actuais manteranse polo menos durante unha semana.

O ministro de Sanidade no Congreso: "Non hai descenso, estamos dobrando a curva"

O ministro de Sanidade insiste en que España segue os protocolos internacionais no cómputo dos falecidos. Foi na comparencia semanal no Congreso en resposta ás acusacións da oposición de falta de transparencia.

Sobre a posibilidade de que os nenos saían uns minutos á rúa, Salvador Illa dixo que "hai que actuar con cautela" sobre todo "pola saúde do resto da cidadanía" e engadiu que será posible cando a evolución da pandemia o permita, pero non deu datas.

A oposición criticoulle a falta de diálogo, e ademais o PP recriminoulle a falta de planificación e a incerteza de non coñecer as medidas para a baixada.

Galicia pídelle ao Ministerio que dea o dato global das residencias

Galicia insta o Ministerio de Sanidade a que faga público o dato de mortos e infectados en residencias.

A conselleira de Política Social lembra que o Goberno central xa os ten desde a semana pasada.