CRTVG

Buscar

Volve haber longas ringleiras para visitar a praia das Catedrais

Publicado o 07/08/2020 14:00

En grupos, en familia, en parella ou en solitario. Dende primeira hora da mañá xa había colas para acceder á praia das Catedrais.

Nin o tempo anubrado nin a temperatura suave botaron para atrás os milleiros de visitantes que queren pasear polo areal máis famoso de Galicia.

De feito, incluso os que non dispoñen de reserva e non poden baixar á praia valoran a contorna desta paraxe única.

"Eu viña de pequena e daquela había que apartar as silvas para chegar ao sitio. Mira se hai anos que a coñezo", dinos unha muller.

"O grupo vén de Mallorca, pero son arxentinos coma min. Xa lles dixen que este é un lugar que é obrigatorio coñecer", coméntanos outro home.

Como é lóxico, tomáronse todas as medidas para garantir a seguridade sanitaria dos visitantes.

Malia tratarse dun espazo aberto e ventilado, insístese na necesidade de gardar a distancia entre as persoas e no uso obrigatorio das máscaras. Medidas imprescindibles tendo en conta o aspecto que presentan os aparcadoiros e que dan idea da cantidade de visitantes.

Ata o 30 de setembro, o número permitido de visitantes diarios é de 4.812 e nunca en grupos superiores a 25 persoas.

Noticias web

07/08/2020