CRTVG

Buscar

O novo presidente electo de Panamá ten as súas raíces en Beariz

Publicado o 07/05/2019 17:17

Na pequena aldea de Ricobanca, no concello ourensán de Beariz, naceu o pai do novo presidente da República de Panamá, Laurentino 'Nito' Cortizo, do Partido Revolucionario Democrático. O seu pai, Laurentino Cortizo Cortizo, emigrou de moi novo ao país suramericano e alí construíu a súa familia. Instalouse en Cidade de Panamá, onde comezou como condutor de autobuses e despois creou a súa propia empresa de buses. Nesta aldea, en que a diario só vive unha veciña, está a súa casa familiar e unha curmá del que vive en Pontevedra adoita visitala as fins de semana.

Nito Cortizo é fillo e neto de emigrantes galegos, o seu avó tamén buscara unha vida mellor en Panamá. Ten 66 anos e é o maior de seis irmáns. Empresario e gandeiro e agora presidente electo co 33,1% dos votos, di que será o primeiro obreiro do país e que vai loitar duramente contra a corrupción.

Cortizo sucede outro presidente panameño, Juan Carlos Varela, que tamén tiña orixe galega, o seu avó era de Bergondo, e hai dous anos visitara Betanzos onde vivira a súa familia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/05/2019