CRTVG

Buscar

Volve a feira ás rúas do Carballiño

Publicado o 30/11/2020 14:09

Os postos de venda volveron ás rúas do Carballiño logo da parada imposta en outubro polo avance da pandemia. Esta de último de mes é canda a do 16 unha feira concorrida e dunha diversidade ampla de produtos, desde o equipamento persoal, alimentación, ferraxaría, árbores e plantas, ata os das caldeiras de polbo, que tanta sona lle dan á vila. A media mañá pediamos o parecer sobre o ambiente de feira hoxe.

Unha polbeira conta que anima ver tantas caras coñecidas e tamén expresa a esperanza de que cando chegue a hora de xantar elixan o seu produto. Outro vendedor afirma que aínda é algo cedo para prever como pode ser e quítalle algo de forza —di— o feito de que caia en luns. Unha vendedora opina que hai moita xente con medo e que que algunhas xa nin se achegan a interesarse polo xénero.

E entre as persoas que ían mercar hai quen estrañaba o ambiente que rodea a feira. Dúas mulleres avalían positivamente a volta da feira, porque xera un ambiente e animación importante nas rúas do Carballiño.

Para o mediodía agardábase maior movemento de persoas na feira, e animadas despois de tres suspendidas. Desta volta o concello retomou a celebración da feira ampliando os espazos reservados para situar os postos de venda ambulantes e cumprindo —di o goberno municipal— estritamente a normativa establecida para o nivel 2.

 

Noticias web

30/11/2020