CRTVG

Buscar

Voluntarios estenden 1.700 quilos de palla e cereais en Gargamala

Publicado o 28/10/2018 15:23

Na parroquia de Gargamala en Mondariz unha trintena de voluntarios axudaron esta mañá a recuperar varias parcelas de monte queimado. Fixérono botando palla coas súas propias mans nas zonas máis vulnerables á erosión e á chuvia.

Con isto pretenden protexer regatos que desembocan en zonas protexidas da Rede Natura e tamén recuperar o solo. Amais de estenderen 1.500 quilos de palla tamén esparexeron cereais e recolleron lixo. Na parroquia de Gargamala, o 7 de outubro, un grande incendio calcinou arredor de 170 hectáreas de monte.

Coas súas propias mans e axudándose da forza da gravidade. Así esparexían esta mañá unha trintena de voluntarios os 1.500 quilos de palla que permitirán recuperar o solo desta valgada calcinada polo lume.

O incendio do día 7 queimou nesta parroquia de Mondariz 170 hectáreas de terreo. Precisamente por esta zona pasa un regato que desemboca en varios ríos, un deles é o Tea, que está protexido pola Rede Natura. Por iso, traballan contra o reloxo, para tentar minimizar os danos que poderían causar as chuvias.

Aquí traballan voluntarios, veciños, membros da comunidade de montes e ata o propio alcalde. Hoxe era un máis nos labores de protección do solo que tamén inclúen a sementeira de cereais como avea e cebada.

Aínda que hoxe tocou esta zona de desniveis e ladeiras, o monte de Gargamala precisa de moita máis axuda. Por iso, nos vindeiros días volverán subir ata aquí para tinguir de amarelo, e novamente coas súas mans, a cor negra que deixou unha noite inesquecible.

Noticias web

28/10/2018