Voluntarios de Cartelle percorren a vila para atender os veciños
Dende primeira hora da mañá, os voluntarios de Cartelle organizan o traballo da xornada. O primeiro é a desinfección: a residencia de anciáns, as vivendas comunitarias, as rúas, as portas dos negocios, aquí todo queda listo xa antes do mediodía.
E aldeas hai moitas. Cartelle é un dos concellos máis extensos da provincia de Ourense. Ten sesenta aldeas espalladas por todo o municipio. A elas chegan co que a xente precise: máscaras, comida ou medicinas como as que hoxe lle traen a Manuel para que non teña que achegarse á farmacia.
Pero aquí tampouco se esquecen da xente nova.
Alba leva un mes sen colexio, así que tráenlle os deberes á casa, igual que a unha ducia de familias do concello.
Voluntarios de distintas aldeas ofrecéronse tamén para estar pendentes dos seus veciños e dar o aviso se precisan algo. Aínda que moitas veces non sexa nada material.
Din que a colaboración e a organización son a clave para que todo funcione e para que todo isto vaia pasando do mellor xeito posible.