CRTVG

Buscar

Voluntario do estudo da vacina de Janssen: "Cando poida póñolla a toda a familia"

Publicado o 03/12/2020 15:18

Segue a carreira contra o reloxo para sacar as vacinas ao mercado. Unha delas é a de Janssen, a coñecida como vacina de Johnson and Johnson. O ensaio clínico está na fase tres e hoxe puidemos falar cun dos voluntarios que participa no estudo.

O que viu na primeira onda da pandemia convenceu a Diego Bellido, voluntario do estudo da vacina de Janssen: "Sanitarios, mestres dábano todo. E o resto estabamos nas redes sociais criticando o que facían".

Foi dos primeiros voluntarios para probar a vacina contra o coronavirus de Johnson & Johnson. O ensaio clínico está xa na fase tres. El segue na dúas... a intención é poder inmunizar con só unha dose.

"Empezou a fase tres xa a vacinar. Unha vez que se ve que é segura. Cando pase un ano, se seguimos inmunizados, non haberá que poñernos a segunda dose", explica Diego.

Fai vida normal, con controis exhaustivos, que o o levan cada semana ao hospital. Di que se sente ben e seguro. Por iso el teno claro: "A comunidade científica e a comunidade médica europea non homola calquera tontería. Eu en canto poida vacinar a miña familia vou facelo. Estou farto de que a miña filla de cinco anos leve máscara".

España mercou 21 millóns de doses desta vacina.

 

Noticias web

03/12/2020