CRTVG

Buscar

Voluntarios de Protección Civil axudan os peregrinos no Camiño de Santiago

Publicado o 13/09/2019 14:55

Dende primeira hora da mañá, o goteo de peregrinos que chegan a Compostela é constante. Na súa entrada están acompañados por eles, unha quincena de voluntarios de Protección Civil de Santiago que ofrecen varios servizos aos camiñantes.

Evaristo Lema, Tito Lema, voluntario de Protección Civil: "Non é só selar, se vén algún accidentado aténdese, e se vén máis grave chamamos o 112 e acompañamos o enfermo ata que cheguen".

Atenden os catro camiños que conflúen en Santiago e mais o que sae cara a Fisterra. Os máis veteranos levan dende o ano 96 acompañando os peregrinos, longo percorrido que tamén deixa algunha que outra anécdota que contar.

"Unha vez vimos tres ou catro camelos, despois carrozas do Rocío unha vez viñeron unhas 50".

Segundo os datos que teñen contabilizados, ata xullo atenderon máis de 150 peregrinos enfermos ou lesionados, e acompañaron uns 40 á súa entrada a Compostela, moitos deles que facían o camiño a cabalo. En total fixeron preto de 300 intervencións, e a presenza dos voluntarios é valorada positivamente polos peregrinos.

"Estou moi emocionado de atoparme con compañeiros que se entregan aos demáis e nos fan máis facil o Camiño, estamos máis seguros. Son fundamentais, dan alento para poder continuar", din varios peregrinos. 

Nos últimos tempos aseguran que aumentaron o número de asistencia aos peregrinos, aínda que para estes, din, ás veces abonda cun sorriso para facer o camiño menos costa arriba.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019