CRTVG

Buscar

Volta ao colexio para os alumnos de infantil, primaria e educación especial

Publicado o 11/09/2019 13:35

Minutos antes das nove da mañá, xa se prevía que esta tranquilidade pouco ía durar. Tocaba volver á rutina, algúns con máis preguiza ca outros.

"Ben... prefería durmir máis. Teño que adiantar unha hora os horarios habituais do verán, así que seguro que hoxe me custou máis a min ca a el".

Día de reencontros, e tamén de despedidas, sempre cos nervios do primeiro día polo medio.

"Eu non creo que vaia ser moi difícil, pero estou nerviosa".

Porque os cambios sempre dan algo de medo. E afectan tamén os pais, man compañeira dos seus cativos nesta volta ao colexio despois do verán.

"Acabamos de mudarnos de Barcelona, hoxe é o seu primeiro día. Está nerviosa, pero eu tamén o estou un pouco".

"É importante para min estar ao seu lado no seu primeiro día, que se sinta arroupado e que ten o noso apoio".

Uns levan mellor ca outros o de poñer fin ás vacacións, pero coinciden en que o mellor é volver ver os amigos.

"Tiña ganas de escribir, ver as miñas amigas, ir ao recreo, e coñecer a directora nova".
"Este mes xa me estivo preguntando cando viña".

As escolas galegas volven encherse hoxe de vida, en concreto das de máis de 197.000 nenas e nenos de infantil, primaria e educación especial, un 0,6% menos ca no curso pasado. Este colexio compostelán será a segunda casa para 150 alumnos, e estes primeiros días traballará para adaptarse a eles.

Natalia Iglesias, directora do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei: "A ver que nos espera no novo curso que se aveciña, vai haber cambios, e a ver se lles gustan, para adaptarnos nós a eles, non teñen que adaptarse os rapaces á escola".

Xa na aula, día importante tamén para deixar claros os valores sobre os que xirará o curso, sobre todo aqueles dedicados á convivencia do alumnado e a evitar o acoso escolar. Neste centro xa o teñen claro.

"Respecto aos compañeiros, respecto a nós mesmos e respecto aos materiais da aula".

Os alumnos da ESO, de bacharelato e de FP terán ata o vindeiro luns para estirar as súas vacacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019