CRTVG

Buscar

Vivimos o Luns Borralleiro, unha guerra de trapos enlamados, en Laza

Publicado o 12/02/2018 14:18

 

Luns Borralleiro. Outra das datas importantes do Entroido. Ducias de persoas citáronse na praza da Picota de Laza para unha batalla en que as armas eran farrapos, e a munición, toda a lama coa que puideran enchoupar. Trapos enlamados nesta Farrapada, toda unha tradición ancestral que perdura no tempo e que continuará esta tarde coa baixada da Morena e o lanzamento de formigas e fariña. 

O Luns Borralleiro citou decenas de persoas no centro da vila de Laza para vivir, un ano máis, a guerra de trapos enlamados. Unha bañeira ateigada de todo tipo de teas totalmente enlamadas agardaba o momento en que se iniciaba unha auténtica guerra. Unha tradición de hai anos na que só participaban os residentes no municipio pero na que agora participan principalmente os forasteiros.

A guerra comezou no mediodía e prolongouse durante unha hora. Todos os que participaron nela resultaron totalmente enlamados polos trapos voadores, pero tamén houbo mozas e mozos que acabaron dentro da bañeira totalmente cubertos de lama. É un xeito especial de vivir o Entroido de Laza e que terá continuidade esta tarde coa baixada da Morena e outra guerra, neste caso de formigas e fariña, que citará a centenares de persoas nas rúas da vila.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2018