Viveiros e florerías manteñen a demanda cara ao día de Defuntos
A dez días da data de Defuntos, nas tendas de flores xa traballan arreo para ter listos os ramos que lembrarán as persoas falecidas nas familias.
Para estes negocios, os días que quedan de mes van ser os de máis traballo de todo o ano, logo de perder a temporada de vodas por causa do coronavirus.
Polo de agora, a demanda non se resentiu e mesmo foi preciso contratar persoal para poder atender todas as peticións.
Carmen Costoya, de Deseño Floral D'Carmen explica que "este ano notamos que a xente está a vir moito antes. Outros anos xuntábase a xente o 30 e o 31 pero agora vai ser máis repartido".
Malia a pandemia, os clientes non aumentaron as peticións a domicilio e seguen optando por acudir ás tendas tanto a escoller como a recoller as flores e, polo de agora, non houbo problemas para aplicar os protocolos sanitarios.
Os prezos mantéñense iguais ca os do ano pasado. Por exemplo, o crisantemo, o máis solicitado, oscila entre os 3 e os 12 euros en función do tamaño e a composición do ramo.
"Realmente hai demanda, pero non sabemos se a xente vai poder ir aos cemiterios e se vai poder ir en todos os sitios", conta Santi Vilor, de Horta Galega.
A maior parte dos establecementos abrirán na mañá do Día dos Defuntos para servirlles as flores os máis atrasados.