CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Viveiro rende homenaxe a Luz Pozo Garza na presentación dun estudo sobre a súa vida e obra

Publicado o 01/03/2015 21:28





Outra viaxe a través da literatura leva o nome de Luz Pozo Garza.
A académica protagonizou en Viveiro un serán literario no que se presentou o estudo que lle dedicaron os profesores Andrés Pociña e Aurora López.

"Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza" dá conta da traxectoria dunha autora que resume o devir da lírica galega das últimas sete décadas:
"É unha muller que vai cambiando. Continuamente está publicando novos libros. Eu non a poñería nunha escola. Eu diría que ela ocupa toda a segunda metade do século XX e os quince anos que levamos do XXI".

Exemplo para as máis novas promocións de escritoras galegas, Luz Pozo ten ela mesma como referente outra gran muller das nosas letras:
"É que Luz é filla, diriamos que filla predilecta, de Rosalía, claro. Ten ademais poemas a... é a súa nai intelectual".

Viveiro aproveitou a presentación do libro para render homenaxe a unha muller que sempre leva a vila mariñá no corazón:
"Casei aquí, tiven aquí os fillos, dei clase aquí a moitass xeracións, e a miña nai tamén era profesora aquí, toda a miña familia eramos mestres e profesores aquí".

Nada en 1922, Luz Pozo segue activa, e prepara novo libro para os vindeiros meses.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí