CRTVG

Buscar

Viveiro reinventa o seu belén a tamaño real

Publicado o 09/12/2020 16:23

Achégase o Nadal e en Viveiro puidemos gozar xa dunha das grandes atraccións destas datas en Galicia. O tradicional belén con figuras a tamaño real son sen dúbida toda unha atracción.

Son máis de cen figuras a tamaño real que recrean nesta zona privilexiada de Viveiro as escenas propias destas datas do Nadal e tamén algúns oficios tradicionais. O belén xigante abriu un ano máis as súas portas e os visitantes din que é algo único que non deixa de sorprender cada ano.

"É algo que non se ve en todos os lados", comenta unha visitante.

Os organizadores non quixeron que a pandemia impedira facer realidade unha das citas imprescindibles do Nadal galego. Iso si, con todas as garantías de seguridade.

"É dos poucos beléns onde ti como visitante pasas a formar parte do belén", comentan dende a organización. 

O belén está completamente pechado e conta cunha única vía unidireccional, xestionada cun semáforo que regula a cantidade de persoas que entran. 

A montaxe deste belén xigante, que estará aberto ata despois de Reis, prolongouse durante máis dun mes.


 

Noticias web

09/12/2020