CRTVG

Buscar

Viveiro prepara unha Semana Santa sen procesións e potenciando os actos litúrxicos

Publicado o 24/03/2021 20:53

Imaxes coma esta da Virxe da Esperanza ou pasos coma estoutro da Sagrada Cea non procesionarán este ano polas rúas de Viveiro.

"En Viveiro adoita haber 15 procesións da man de 8 confrarías, pero este ano non haberá ningunha. A Xunta de Confrarías decidiu suspendelas, algo que tamén recomendaban dende o bispado de Mondoñedo-Ferrol. O obxectivo é evitar concentracións de xente e garantir a saúde pública".

Lonxe quedan xa imaxes coma estas. Quérese evitar a masificación de público, pero tamén a dos numerosos confrades que portan os pasos compartindo un espazo moi reducido.

"O problema é debaixo dos pasos. Un dos que dirixo eu, o do Calvario, pórtano un cento de homes e mulleres. Aí van uns enriba doutros como en calquera paso e iso é o complicado", conta Jesús Fernández, membro da Irmandade das Sete Palabras de Viveiro.

Os máis de 3.500 confrades de Viveiro viven con pesar esta situación e apostaron por potenciar os actos litúrxicos

"O principal da Semana Santa, da semana da paixón, é vivila interiormente cos actos litúrxicos nas igrexas. Van seguir o ritmo de todos os anos e os Vía Crucis vanse facer no interior das igrexas cumprindo os niveis de ocupación e as medidas marcadas por Sanidade", sinala Carmen Chipe, voceira da Xunta de Confrarías de Viveiro.

Poderán verse a través de Internet as procesións de anos anteriores coincidindo co seu horario habitual e van preparar unha exposición de fotografías na Praza Maior da vila. Ademais os comercios engalanarán os seus escaparates para que non se perda o espírito desta Semana Santa declarada de Interese Turístico Internacional.

Noticias web

24/03/2021