Viveiro espera un cheo total para os días grandes da Semana Santa
A carpa que hai instalada en Viveiro onde se gardan os pasos abre dende primeira hora. Nada máis entrar a primeira representación recolle a última cea. É a máis naif de todas. Feita por un veciño de Cervo hai dous séculos, as caras dos apóstolos retratan algúns dos mariñeiros que vivían na vila daquela. Conta a lenda que os protagonistas recoñecían os seus rostros nas tallas.
En Viveiro cada representación ten a súa historia. E Carmen coñece todas. É a voceira da xunta de confrarías, e a que máis namorada a ten é esta da Esperanza, que pertence á confraría de mulleres. Mil mulleres participan. E é tanta a tradición que non lle mete medo o relevo xeracional.
Carmen López, voceira Xunta de Confrarías: "Hai remuda xeracional, e mesmo participan ateos con moito respecto polas imaxes".
Ese respecto inténtallelo inculcar Luís á súa filla e á sobriña. Hai anos que está fóra, pero a paixón de Viveiro tráeno sempre de volta nestas datas.
Emilia naceu en Ourense e vive en Barcelona desde hai máis de cincuenta anos. Na súa nenez viña pasar o verán coa súa avoa paterna en Viveiro, e de sempre escoitou falar da Semana Santa de aquí. Este ano quixo coñecela.
Fóra da carpa, os veciños tamén lembran a importancia destas datas dende a nenez.
Tanto María Xesús coma Nélida e Hipólito esta noitiña estarán nos pasos, coa emoción anovada que lles trae cada ano a semana santa viveirense.