Viveiro busca cun cribado atallar os contaxios que levaron á vila ao seu terceiro peche
O progresivo aumento dos contaxios aquí en Viveiro levou ao Sergas a organizar para este domingo un cribado masivo.
As probas van dirixidas para traballadores do sector servizos, comerciantes e hostaleiros, que son os que teñen contacto cun maior número de persoas. O obxectivo non é outro que detectar persoas asintomáticas. Os veciños de Viveiro están a responder moi ben e os teléfonos non paran de soar para apuntarse para facer as probas.
Dende a asociación de comerciantes de Viveiro xestionan a lista para anotarse nas probas PCR do domingo. Na vila están moi concienciados e todos están a anotarse. As probas están dirixidas especialmente a aqueles que traballan cara ao público, como é o caso da hostalería.
Tamén se anotan de xeito masivo os comerciantes. O obxectivo é detectar persoas asintomáticas para frear a transmisión do virus. Viveiro está a sufrir o seu terceiro peche e a economía da vila reséntese.
A situación tamén é preocupante en Xove, o concello con maior incidencia acumulada. Alí tamén realizaron cribados masivos para combater o virus e case a metade dos positivos concéntranse na residencia de maiores.