Vítimas do Alvia demandan a Transportes e a CIAF por falla de independencia

A Plataforma Vítimas Alvia 04155 demandou o Ministerio de Transportes e a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid por incumprimento da normativa e falta de independencia.
A asociación solicitáralle ao ministro José Luis Ábalos, en decembro pasado, a renovación de parte dos membros da CIAF e unha nova investigación obxectiva do accidente ocorrido no 2013, tutelada pola Axencia Ferroviaria Europea (ERA) e cumprindo cos requisitos legalmente establecidos.
Tratábase dunha petición en vía administrativa como paso previo ao trámite xudicial en caso de non obteren resposta nun prazo de tres meses ou fose rexeitada.
Segundo a plataforma, viuse obrigada a acudir aos tribunais tras recibiren unha resolución do Ministerio (con data do 17 de marzo) en que se desestimaba formalmente a súa solicitude e comprobar, por presunto silencio negativo, que a comisión negaba a apertura dunha nova investigación.
Procedemento da Comisión Europea
A entidade lembrou este xoves que a Comisión Europea (CE) iniciou en xaneiro de 2019 un procedemento sancionador contra España por incumpriren as directivas comunitarias en relación á investigación de accidentes e á seguridade ferroviaria.
A CE poñía en dúbida o traballo da CIAF, ao apuntar as deficiencias na forma en que o organismo nacional de investigación analiza e estuda os accidentes e incidentes.
Nun informe "demoledor", a xuízo da plataforma, a ERA concluíu que o Goberno español non cumpriu coa obriga de investigar a traxedia conforme á directiva de seguridade europea, poñendo de manifesto a falta de independencia e a invalidez da investigación realizada pola CIAF.
A ERA considerou que a axencia non analizara as causas de raíz, precisamente aquelas que afectan ao propio ministerio, Adif e Renfe, polo que debería abrirse unha investigación que cumprise cos requisitos de independencia, obxectividade e de audiencia a vítimas e familiares.
Ademais, a CE pediulle en varias ocasións ao Ministerio que leve a cabo unha investigación técnica independente, indicou a asociación.
"Crear unha nova comisión"
As vítimas consideran que os membros da CIAF están a facer "un grave abandono de funcións e faltan ao obrigado cumprimento da directiva europea" e que Ábalos "non pode eludir a súa responsabilidade e debe seguir os ditames da UE".
Lembran que a lei do sector ferroviario permítelle ao ministro destituír os membros da CIAF e crear unha nova comisión de investigación técnica independente. Algo que demandan para coñecer a verdade dun accidente no que faleceron 80 persoas e 152 quedaron feridas.