CRTVG

Buscar

Vítimas do accidente do Alvia volven pedirlle a Adif que cese o exdirector de Seguridade

Publicado o 20/05/2021 12:00
Vítimas do accidente do Alvia volven pedirlle a Adif que cese o exdirector de Seguridade

A Plataforma de Vítimas do descarrilamento do tren Alvia en Santiago o 24 de xullo de 2013, en que faleceron 80 persoas, reclámalle de novo ao Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) que cese a persoa que se enfronta a catro anos de prisión "por non efectuar unha avaliación e xestión do risco na liña".

Nun comunicado, considera que o Ministerio Fiscal lle dá a razón ao pedir que se inicio o xuízo tamén contra Andrés Cortabitarte, exdirector de Seguridade na Circulación, e non só contra o maquinista, como acusados da traxedia do tren. Segundo lembra, o colectivo denunciou "reiteradamente que o fallo humano do condutor non era a única causa do accidente".

As vítimas pensan que o posicionamento do fiscal "desmonta" a investigación do Goberno, que limitou a responsabilidade do sinistro ao maquinista. Do mesmo xeito, estima que "di moi pouco das nosas institucións e gobernantes" que non se puxese aínda en marcha unha nova pescuda,"tal e como esixe reiteradamente a UE".

Por esta razón, solicitan á presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, que cese a Andrés Cortabitarte (exdirector de Seguridade) que actualmente "segue nun posto de libre designación da empresa pública”, lembran.

Ao seu entender, "protexer" a Cortabitarte "só se explicaría porque o Adif e o Ministerio de Transportes "teñan algo que temer ou que ocultar".

A plataforma tamén solicita aos exministros Ana Pastor (PP) e José Blanco (PSOE) "que pidan perdón, asuman a súa responsabilidade e deixen calquera cargo público".

Noticias web

20/05/2021