CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo contra unha suposta trama que finxía accidentes de tráfico

Publicado o 18/01/2019 14:36

Tamén quedou visto para sentenza, este e Pontevedra, o xuízo contra unha suposta trama organizada acusada de finxir accidentes de tráfico para recibir indemnizacións das aseguradoras. Os cinco acusados son catro membros dunha mesma familia e un amigo, para os que a Fiscalía solicita dous anos de prisión por estafa continuada. A defensa pide a absolución, porque non considera probado o delito.

Unha investigación da Policía Local destapou a suposta trama xulgada en Pontevedra. No banco, cinco persoas acusadas de finxir accidentes de tráfico para obter indemnizacións das aseguradoras. Sinistros que, segundo o ministerio fiscal, tiñan un parecido modus operandi. Colisións leves entre dous vehículos e a simulación de lesións mesmo en persoas que non viaxaban nos coches. Tres destes sinistros xulgáronse hoxe en Pontevedra, pero houbo máis investigados.

Os acusados, para os que a Fiscalía solicita dous anos de prisión por un delito de estafa continuada e indemnizacións que superan os 16.000 euros, son catro membros dunha mesma familia e un amigo. Todos se acolleron ao seu dereito a non declarar. Si o fixeron as testemuñas.

Condutores implicados nos accidentes, policías locais e unha investigadora contratada polas aseguradoras afectadas. Para a defensa, nin a súa declaración nin o escrito da acusacion acreditan o delito que se lles imputa aos seus clientes. Manteñen que se basea en sospeitas e indicios sen quedar probado o engano, o ánimo de lucro e a confabulación previa. Os vínculos de amizade tampouco acreditan a estafa para a defensa, que pediu a absolución dos acusados. O xuízo quedou visto para sentenza.



 

Noticias web

18/01/2019