CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo polo secuestro e violación dunha moza en Ourense durante 20 días

Publicado o 17/10/2019 14:40

Para a fiscalía e a acusación particular quedaron probados os feitos no xuízo contra un home de 40 anos e a súa familia por reter durante 20 días unha moza e sometela a agresións sexuais continuadas, lesións, coaccións e trato degradante. As defensas manteñen a libre absolución porque din que as probas carecen de solidez e veracidade.

Tanto para o fiscal como para a acusación particular quedou acreditado que o principal acusado é culpable, tras escoitar as declaracións da vítima e, sobre todo, dos forenses, que aseguraron que a muller sufría ansiedade e estrés postraumático e que mediante a violencia e a intimidación o home conseguiu retela para violala de xeito continuado.

Na vista de hoxe, as defensas alegaron que a vítima, que estaba a ser vixiada pola Policía para protexela dunha orde de afastamento da súa ex-parella, en ningún momento pediu axuda. A defensa da vítima di que o medo llo impedía, pero unha chamada que realizou aos axentes que a protexían alertounos dos feitos.

A fiscalía mantén a pena de 19 anos de cárcere para o principal acusado, Javier Gabarri, e rebaixa a pena de 3 a 2 anos para os seus parentes como cómplices da detención ilegal. Todos pertencen ao coñecido policialmente como clan dos Madriles. A acusación particular eleva a pena a 42 anos e medio para el, 13 anos para a nai como colaboradora necesaria e 8 anos para o resto de familiares por complicidade. O xuízo quedou visto para sentenza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019