CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo do ere de Alcoa: Estado, Xunta e persoal piden a súa nulidade, e Alcoa alega "perdas brutais"

Publicado o 03/12/2020 21:31

Alcoa defendeu este xoves o ere que presentou na planta de aluminio primario de San Cibrao (Lugo) e que "trata de evitar" que o despedimento colectivo afecte a todo o persoal, unha noticia que cre que é "boa" pero que non compartiron centos de traballadores, concentrados ante a fábrica para seguir o xuízo por unha pantalla e con altofalantes. 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia celebrou nesta xornada, tras fracasar o trámite de conciliación previo, o xuízo pola demanda que presentou o comité de empresa de Alcoa en San Cibrao fronte ao despedimento colectivo exposto pola multinacional do aluminio, que afectaría a 524 traballadores. 

Ás dez menos dez desta mañá confirmouse que non había acordo entre as partes. Seguidamente, os traballadores empezaron a cortar o acceso principal á fábrica con barricadas de rodas, ás que logo lles prenderon lume, e a proferir consignas a favor dunha intervención pública da fábrica. 

Tras iniciar a súa alegación coa advertencia de que non descarta solicitar a nulidade de actuacións por ser público este xuízo e vulnerar varios preceptos legais, o avogado de Alcoa argumentou durante unhas tres horas que este despedimento colectivo opera conforme á normativa laboral e evita o despedimento doutros 99 traballadores nesta planta, necesarios entre outras cousas para un apagado ordenado das cubas, que prohibiu preventivamente o alto tribunal nunha vista anterior. 

"A escusa da parada de cubas para non negociar o ere a estas alturas xa non é crible", salientou Alcoa, a pesar de que a parte sindical lle reprochou a imposibilidade de negociar porque "a única alternativa ao despedimento colectivo era un ERTE con parada de cubas". E a pesar diso, engade, "a empresa preséntase como vítima dunha conspiración" cando o que "quere é branquear a súa mala fe". 

O letrado de Alcoa apuntou que é "innegable" o custo enerxético. "Alcoa —continúa o avogado da multinacional— é o único produtor de aluminio primario en España" porque "as condicións de mercado e custos en España non son propicias para que haxa máis produtores de aluminio primario". 

"Non asinamos contratos a longo prazo en España porque non temos certezas a futuro", chegou a dicir despois o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, esta tarde no xuízo. 

O letrado "nega a maior" acerca de que "a venda sexa unha solución en si mesma", como expuxo a representación dos traballadores, á que afeou que os acusen de mala fe desde o primeiro día. "Que retire o ere ou venda custe o que custe", conclúe sobre as pretensións do comité de empresa. 

"Non se pode obrigar unha empresa a vender si ou si baixo calquera circunstancia, non se pode obrigar a Alcoa a vender e moito menos a parte de alúmina que non estaba no acordo", a pesar de que "realmente o que interesaba era a refinaría", recriminou o avogado, que insiste en que "a venda non é unha medida social, non soluciona unha situación produtiva e económica". 

Segundo a representación sindical, a decisión de pechar Alcoa é anterior ao período de consultas, causa de nulidade dos despedimentos, e a liberdade de empresa, sostén, non lle dá dereito a destruíla, máis aínda cando hai alternativas, e por iso insta os maxistrados a "poñeren freo a esta mercantilización das relacións laborais". 

Coincide o Ministerio de Industria en que pechar esta planta "é carísimo", por iso a propia empresa asegurou que non se pecha", e ademais "non é a mellor solución".  "Pechar unha planta de aluminio é caro e non é a mellor solución, só cando está amortizada, e San Cibrao é produtiva, non ten sentido pechala", sostivo o avogado do Estado que intervén en representación do Ministerio de Industria, que engadiu que os custos ambientais de pechar a planta serían "tan elevados que afectarían o seu negocio". 

Tamén o presidente de Alcoa España reiterou na súa intervención que a multinacional nunca decidiu pechar a planta de aluminio, "en absoluto" a parte de fundición e alúmina, aínda que o comité de empresa apunta que o devandito peche era unha "obsesión". 

Lembrou que os centros da Coruña e Avilés se venderon o ano pasado tras un acordo de despedimento colectivo e parada de cubas, e sobre as negociacións de venda e a inclusión dun ERE ou ERTE, Dorado explicou que se propuxeron unhas condicións xerais nas que esta se prevía se non se pechaba a compravenda. 

"O único que quería Alcoa era pechar", insiste o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, que considera ilóxico que no departamento de Recursos Humanos "queden dúas persoas e onde se ten que traballar non haxa persoal". Zan asegurou que gañarán o xuízo porque "non ten sentido seguir un mes máis torturando a xente da Mariña lucense" nin "todos os argumentos que esgrime Alcoa para pechar unha planta porque lle dá a gana".

Noticias web

03/12/2020