Visto para sentenza o xuízo contra o sacerdote salesiano acusado de abusos a menores
As declaracións das vítimas e os testemuños doutros compañeiros que presenciaron os presuntos abusos son fundamentais para a acusación. A fiscalía remarcou na última xornada que os menores tiñan unha boa relación co acusado, polo que non atopan motivos para que mintan.
"Dende o meu punto de vista considéroo probado, boa parte por probas directas, que foi observado realizando os tocamentos", explica o avogado da acusación popular.
"Os nenos mantiveron as súas declaracións, foron corroboradas polos seus compañeiros. Tamén quedaron acreditados os danos psicolóxicos polo IMELGA e pola psicóloga que trata as vítimas", apuntou a avogada da acusación particular.
A fiscalía pide 45 anos de cárcere para o sacerdote salesiano acusado de nove delitos de abusos sexuais. As acusacións particulares aumentan a petición a máis de 50 anos, ao entender que son seis as vítimas e que tamén hai un delito de abuso continuado. "Rebaixou dous delitos con respecto a dúas das vítimas, que mantén a acusación", aclara Francisco Lago.
"Seguimos pedindo 54 anos de prisión. Quedou demostrada toda a acusación.", insiste Aída Blanco.
O acusado negou todas as acusacións durante a vista e a súa defensa pide a libre absolución.