CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo contra o millonario portugués acusado de intentar matar a muller

Publicado o 30/01/2020 14:24

Segunda e última xornada do xuízo polo que senta no banco o empresario portugués acusado de intentar matar a súa muller, nun hotel de Vigo. Na vista prestaron declaración os médicos e psicólogos e responsables dos exames físico e psicolóxico da vítima.

No seu informe, todos conclúen que o trastorno postraumático que sufriu a muller é perfectamente compatible cos feitos acontecidos en maio de 2016, en que temeu pola súa vida. Os forenses explicaron que a vítima presentaba lesións no pulso, nos xeonllos, nos nocellos e as máis graves na cabeza, catro golpes compatibles coa maza de canteiro que supostamente empregou o acusado na agresión.

Os forenses manifestaron a imposibilidade de que algunhas destas feridas foran consecuencia dunha autolesión por parte da muller e aseguraron que foron realizadas en zonas vitais pero non coa suficiente intensidade para provocarlle a morte. Respecto ao acusado confirmaron que presentaba algunhas erosións superficiais e que sufriu un infarto que puido ter como desencadeamento a situacion de estrés vivida.

Os policías que participaron no caso explicaron que atoparon sangue na maza e en diferentes puntos do cuarto, un deles asegurou que o acusado manifestou que comprara esta ferramenta nun establecemento de Vigo. O xuízo quedou visto para sentenza. O acusado, para quen a Fiscalía solicita doce anos de prisión por un delito de intento de asasinato en grao de tentativa, mantivo a súa inocencia.

Noticias web

30/01/2020