CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo contra o home acusado de abuso continuado a unha menor

Publicado o 23/05/2019 14:40

Esta mañá, na Audiencia Provincial de Pontevedra, quedou visto para sentenza o xuízo contra un home acusado de abusar sexualmente de maneira continuada dunha menor. A Fiscalía pide para el cinco anos de cárcere. 

O acusado acolleuse ao seu dereito a non declarar. Si o fixo a presunta vítima, separada por un biombo, visiblemente afectada e acompañada por unha psicóloga.

Relatou repetidos tocamentos e bicos por parte de Carlos Louro, o acusado, dende que ela tiña 5 anos. Tanto a familia do acusado como a da presunta vítima tiñan unha relación moi estreita e eran veciños. O último feito que recorda ocorreu, segundo conta, unha noite que quedara a durmir na casa do acusado, cando ela tiña arredor duns 12 anos. O home entrou no cuarto da menor, achegouse á súa cama e deulle un bico na boca.

Dende o 8 de marzo do 2017, a rapaza está baixo tratamento psicolóxico e a denuncia foi interposta en abril do 2018.

Unha vez escoitadas as declaracións das testemuñas, a defensa solicitou a prescrición dos feitos, pero non foi aceptada pola Fiscalía, que mantén o delito continuado de abusos sexuais á menor, e polo que pide para o acusado cinco anos de prisión, unha orde de afastamento de 200 metros da vítima e a imposibilidade de comunicarse con ela en 10 anos. A Fiscalía tamén pide que a indemnice con 10.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019