CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo a Trapero tras 9 horas pedindo a absolución

Publicado o 17/06/2020 19:51
Visto para sentenza o xuízo a Trapero tras 9 horas pedindo a absolución

O xuízo ao maior dos Mossos, Josep Lluís Trapero, finalizou este mércores tras dúas xornadas en que a súa defensa dirixiu unha alegación absolutoria en contra do delito de sedición, polo que o fiscal pide 10 anos de cárcere. A medio camiño está a desobediencia, que podería libralo de prisión

"Concluso para sentenza", dixo a presidenta do tribunal, Concepción Espejel, despois de que os catro acusados, con Trapero á cabeza, declinaran facer uso do dereito á última palabra

Despídese así Trapero este mércores do banco tras unha trintena de sesións, que quedaron interrompidas pola pandemia do coronavirus xusto cando o fiscal ía modificar a súa acusación por rebelión. 

Foi na recta final do xuízo cando o maior coñeceu a pena concreta á que se enfronta: 10 anos de prisión por sedición ou, na súa falta, 60.000 euros de multa e un ano e 8 meses de inhabilitación por desobediencia, a mesma que o ex-director dos Mossos, Pere Soler, e o ex-secretario xeral da Consellería do Interior, César Puig. 

Unha petición que combateu durante nove horas a avogada de Trapero, Olga Tubau, que tamén representa a intendente dos Mossos, Teresa Laplana, para quen se pide 4 anos por sedición, aínda que tamén coa alternativa de desobediencia. 

A pesar desta alternativa, o tenente fiscal da Audiencia, Miguel Ángel Carballo, deixou claro o luns que a acusación "primordial" é a da sedición.

Pero a avogada negou que haxa probas que xustifiquen ningún dos dous delitos. Indicou que os Mossos puxeron "negro sobre branco" xa antes do referendo ilegal do 1 de outubro que cumprirían coas ordes xudiciais, e fixérono a pesar das discrepancias cara ao nomeamento do coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos como coordinador do 1-O, con quen Trapero tiña unha "moi mala relación" que a avogada non negou. 

O que si rexeitou é a tese do fiscal de que o maior estivo "na órbita directa" da comisión do delito de sedición en connivencia cos líderes do 'procés', xa condenados polo Supremo, porque ao seu xuízo Trapero demostrou unha "suxeición absoluta" ás ordes xudiciais e fiscais para impedir o referendo. 

"Se alguén de Cataluña creu que os Mossos apoiarían o referendo e o 'procés' é que estaba a tomar os seus desexos por realidades", asegurou a letrada, que onte admitiu que o 1-O foi un fracaso "político" e "policial", pero dos tres corpos: Mossos, Policía e Garda Civil.