CRTVG

Buscar

60 equipos médicos darán soporte ao Plan de Hospitalización a Domicilio

Publicado o 11/07/2019 14:46

O avellentamento da poboación e as doenzas crónicas, di a Xunta, son os retos da Sanidade que vén. De aí este plan para levar a hospitalización a domicilio a todos os recunchos do país no prazo de cinco anos. 

Xa se anunciara o obxectivo do Sergas de reforzar a hospitalización a domicilio para ofrecela a todos os galegos, vivan onde vivan, e manter o servizo os 365 días do ano, porque na actualidade non funciona as fins de semana e festivos. Pois ben, agora sabemos como se vai facer, tras a aprobación do plan no Consello da Xunta. Nos vindeiros cinco anos os equipos pasarán de 45 a 60; os profesionais aumentarán en 45, con 15 médicos e 30 enfermeiros máis, e sumaranse 15 vehículos á frota actual.

"Imos reforzar este servizo porque funciona ben, porque os galegos valórano ben e porque ademais temos que preparar a sanidade pública para as vindeiras décadas, unha sanidade pública que cada vez vai ter pacientes máis maiores, cun avellentamento da poboación, e cunha atención á cronicidade. Eses retos de futuro son os que nos impulsan a aprobar definitivamente a universalización a hospitalización a domicilio en Galicia", dixo Alberto Núñez Feijóo, cando deu conta na roda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta na que se aprobou a posta en marcha do plan.

En Galicia, máis de 6.000 persoas cada ano reciben atención hospitalaria na casa.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí