CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Visto e prace ao anteproxecto da Lei do solo para "frear o feísmo"

Publicado o 10/10/2014 21:22





Declaracións do presidente tras un Consello da Xunta na que se lle deu o visto e prace á nova Lei do solo, que se someterá de xeito inmediato a información pública. O Goberno quere sumar o máximo consenso político e social para que a norma contra o feísmo perdure no tempo. Prevé que quede definitivamente aprobada despois do próximo verán.

No texto que presenta a Xunta prohíbense os edificos que rompan a harmonía da paisaxe, fixa alturas máximas e esixe que se usen cores e materiais acordes á contorna. A administración obrigará ademais os propietarios a que rematen as casas inacabadas, baixo ameazas de multas coercitivas de ata 25.000 euros.

Crearase, tamén, un rexistro de predios e construcións en ruínas que será obrigatorio en concellos de máis de 50.000 habitantes. A inscrición no rexistro implicará a venda forzosa do inmoble e obrigará os compradores a retomaren as obras.

A norma tamén favorecerá a rehabilitación de construcións en zonas rurais. Outro obxectivo é axilizar o planeamento urbanístico dos concellos. Simplificaranse os trámites administrativos para reducir de 6 a 3 anos o tempo medio de redacción dos plans xerais de ordenamento.

"Sométese a información pública unha nova Lei do Solo con catro obxectivos: traballar por unha maior protección da paisaxe; actuar con toda a contundencia legal contra o feísmo; frear a dispersión e potenciar o solo rústico como factor de desenvolvemento", dixo o presidente.

O Goberno galego tamén autorizou este venres o primeiro expediente para equipar o novo hospital de Vigo. Está dotado con máis de cinco millóns de euros que permitirán adquirir material electromédico para o centro, que contará con dous quirófanos integrados con tecnoloxía 3D. Segundo Feijóo, queren axilizar os trámites para que o hospital comece a funcionar xa o ano que vén.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

10/10/2014