CRTVG

Buscar

Vista para sentenza a apelación polas peaxes abusivas durante as obras de Rande

Publicado o 24/03/2021 16:54

Audasa e os afectados polos cobros abusivos das peaxes durante as obras da ponte de Rande volvéronse ver nos xulgados. As partes recorreron a sentenza e a vista celebrouse este mércores. Por primeira vez falaron os condutores que se viron atrapados nas retencións entre os anos 2015 e 2018 que duraron as obras de ampliación da ponte de Rande.

A sentenza do xulgado do mercantil que condenou a Audasa a devolver as peaxes cobradas de forma abusiva foi recorrida pola propia concesionaria, pola fiscalía e, en colectivo, unha das asociacións de afectados. A vista celebrouse na Audiencia Provincial de Pontevedra e os maxistrados consideraron de utilidade os testemuños dos afectados.

Audasa pide a anulación da sentenza. Pola súa banda, os representantes dos afectados queren ir máis alá das 81 incidencias que recoñece o xulgado do mercantil.

A Fiscalía solicita que os beneficiarios sexan todos os condutores que circularon pola AP-9 durante os tres anos que duraron os traballos en Rande. O xuízo quedou visto para sentenza.

Noticias web

24/03/2021