CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Visitas ás conserveiras, unha nova forma de turismo industrial

Publicado o 20/10/2013 14:54


Facer turismo en Alemaña, por exemplo, non se concibe sen visitar unha fábrica de cervexa. É un exemplo da implantación en Europa do chamado turismo industrial. A esta modalidade apúntanse cada vez máis promotores no sector galego que viven do turismo. Amplían a oferta turística, pero tamén dan a coñecer os nosos produtos e traballos, a nosa historia e tradición. Un exemplo, as visitas guiadas que se programan ás conserveiras artesanais. Contribuír a desestacionalizar o turismo, dando a coñecer, en vivo, a galegos e a foráneos, iniciativas locais emprendedoras pero tradicionais, que apostan polo produto galego de calidade, traballado artesanalmente. É o obxectivo de proxectos coma o de Ponlle cara ao turismo, que apostan pola tendencia do chamado turismo industrial.

Segundo Sandra Touza, directora de "Ponlle cara ao turismo": "en Galicia comezamos a apostar agora, como levan tempo facendo en Europa, polo turismo industrial. Nós propomos por exemplo hoxe visitar esta fábrica de produción artesá de conservas mariñas. Pero temos visitas organizadas, amais de fábricas de conservas de peixes, coma esta, outras a fábricas de galletas. Podemos visitar tamén unha confraría de pescadores, ou ver as redeiras taballando, ou a quen fai artesanía de vimbio. Despois facemos visitas a outro tipo de fábricas de conservas de vexetais, de tradición tan galega como as de zaragallada, pemento, tomate...típicas de aquí. Igualmente organizamos visitas e rutas para coñecer o traballo artesán galego dos pintores, dos panadeiros...É longa en Galicia a listaxe de propostas para o turismo industrial".

Dar a coñecer e valorar os produtos de calidade dunha zona, e o traballo de calidade da súas xentes. É o sentido do chamado turismo industiral que chega tamén a Galicia. En xuño Ferrol celebrará un congreso internacional, co apoio da Deputación da Coruña, para avanzar en iniciativas coma esta: visitas guiadas á fábrica artesanal de conservas, na Pobra do Caramiñal, Luís Escurís Batalla".

Segundo Xoán Carlos Mondelo Rodríguez, director comercial de Luís Escurís Batalla: "transmitimos así non ocultar nada, portas abertas, ser como unha cociña da casa, aberta. Nas visitas guiadas demóstrase que fundamentalmete traballamos con produto da zona, da ría. As salsas tamén están feitas a man, como se facían nas casas. Propomos ver como se preparan e enlatan os nosos produtos máis demandados como: mexillón fritido en aceite de oliva, mexillón en escabeche ou distintos produtos mariños, como o prebe de vieira. É importante que as traballadoras son xente da zona e xente especializada á hora de facer conservas pero artesanalmente"

Os turistas que fan este tipo de visita guiada a esta conserveira da Pobra do Caramiñal comentan que: "é moi interesante ver as mulleres como traballan na fábrica, artesanalmente e con delicadeza", "todo está moi ben feito e a man e é interesante ver como van escollendo as xoubiñas, cortándoas etc, porque é un traballo moi artesanal", "ver como cortan o peixe, como o van metendo en cada lata, a man e con escolla e delicadeza fala moi ben da pervivencia do traballo artesán na industria galega"
Segundo Sandra Touza, o traballo das propostas de "Ponlle cara ao turismo", ten precisamente o obxectivo de pórlle cara á xente con iniciativas locais interesantes. Trátase de facer unha aposta clara por un turismo atractivo, limpo, sostible que promociona Galicia e feito por e en Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí