CRTVG

Buscar

Visitamos reis de Galicia no pateón real da catedral de Santiago

Publicado o 01/07/2019 22:36

Capela das Reliquias. Reliquias traídas de todo o mundo. E, se continuamos, descubrimos dentro dela este tesouro do Reino de Galicia. Un tesouro case descoñecido.

Fala Ramón Yquierdo, director técnico do Museo Catedral de Santiago: "A catedral de Santiago, o fenómeno de Santiago é tan potente que é o peor inimigo dos tesouros que ten dentro."

Coma o panteón real, coas mans e cos rostros durmidos da monarquía galaica. Dedos con aneis de rei baixo a alta bóveda da nosa historia. Sepulcros en que a realeza galega xace en actitude de histórico descanso, toda unha innovación para a época.

"Cuns personaxes quizais pouco coñecidos, coma o panteón, pero que foron fundamentais para a historia da Galicia medieval e para a catedral de Santiago en particular", continúa Yzquierdo.

A catedral non existiría como a coñecemos sen persoeiros coma Fernando II, o rei que fichou o mestre Mateo para as obras da catedral. Sería outra catedral sen persoeiros coma o rei que consagrou o templo, Alfonso IX.

"Alfonso IX é o último rei galaico-leonés. Cando morre vén Fernando III O Santo, o seu fillo, quen unifica Castela e León e aí a cousa xa cambia."

E aí se conclúe o Panteón Real, que, despois de moito tempo case oculto, fica agora aberto para nos lembrar o Reino de Galicia.

E conclúe Yzquierdo: "Esta é unha catedral real, unha catedral que podemos chamar nacional". 

Porque aquela monarquía puido facer e fixo que Santiago brilase en todo Europa e no mundo coma un segredo a voces.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/07/2019