CRTVG

Buscar

Vinte e oito embarcacións tradicionais renden homenaxe a Rosalía de Castro en Padrón

Publicado o 04/08/2019 10:31

Vinte e oito embarcacións tradicionais, achegadas de distintos recunchos de Galicia, navegaron ata Padrón, para unirse á "Inchadiña branca vela". Esta é xa a sétima edición dun evento que organizan a Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Dorna de Arousa, para renderlle homenaxe a poetisa e á xente do mar.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro: "Veñen da ría de Vigo, de Bouzas, do Hío, veñen tamén da ría de Pontevedra, de Portonovo, da Ría de Arousa, veñen de Cambados, veñen do Grove, veñen de Muros, veñen de Ribeira, veñen mesmo da Coruña e temos ademais un bote que ven de Ribadeo, mesmo ven unha lancha xeiteira, por primeira vez".

Levan remontando, como cada ano, polo Ulla e o Sar dende 2013, para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro ao chegar a Padrón. Nesta xornada a remo, ata vinte e oito embarcacións izan velas como saúdo a súa poetisa.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro: "Ela que pediu no seu último momento: abride a fiestra que quero ver o mar... Traémoslle o mar! Esa escena náutica, na que ela debuxaba aquí, nesta ría de Padrón... Que inchadiña branca vela/ antre os millos corre soa,/ misteriosa pura estrela!/ Dille o vento en torno dela:/Palomiña, voa!, voa!"...

Salvador Allo, presidente da Asociación Cultural Dorna: "A subida a Rosalía é un acto emocional, máis que nada. Que a xente reviva como os nosos antepasados andaban no mar. Cada ano superámonos máis, pero hoxe van subir unha variedade moi extensa delas. Temos dende gamelas, dornas, botes de Ribadeo, lanchas xeiteiras... Xa subían todos eses barcos. A Casa da matanza, a Casa de Rosalía de Castro, cando eran as súas festas vían todos eses barcos, vían todas esas velas a galguear, tumbadas a secar. Iso era o que vía Rosalía. Isto é país, isto é cultura, isto é patrimonio. Isto non é só un deporte... É sentimento!".

A "Inchadiña branca vela" canta en galego un ano máis honrando a xente do mar e enche o río de embarcacións tradicionais e de sentimentos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/08/2019