CRTVG

Buscar

21 provincias en alerta por DANA, a depresión que afecta a media España

Publicado o 14/09/2019 14:56

A depresión illada en niveis altos da atmosfera, DANA nas súas iniciais en castelán, afectará segundo a predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía ata a 21 provincias do interior da península, durante a fin de semana. As choivas torrenciais asociadas á gota fría arrastran seis mortos, máis de 3.500 evacuados, 74 vías cortadas, servizos ferroviarios cancelados, un aeroporto pechado, ademais dos numerosos danos.

Máis de 3.000 efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e uns 1.000 dos tres exércitos traballan para paliar os estragos da DANA.

A Ministra de Defensa, margarita Robles explicou que hai "máis de 1.100 efectivos militares que temos neste momento sobre o terreo con todos os vehículos que hai tamén. E o tempo que faga falta, o tempo que sexa necesario. Non imos regatear nada. O noso agarimo, a nosa solidariedade nuns momentos difíciles".

O risco segue a ser importante con alerta laranxa en gran parte de Andalucía, onde se espera caian ata 30 litros por metro cadrado nunha hora en Cádiz, Córdoba, Xaén, Málaga e Sevilla. A alerta esténdese cara a Cidade Real, Toledo e Madrid. Ademais hai aviso amarelo en Albacete, Cuenca, Guadalaxara, Ávila e Cáceres e por ventos costeiros en Alacante e en Menorca por fortes variacións na preamar durante a madrugada.

As precipitacións rexistradas durante os últimos días na comarca alacantina da Veiga Baixa do Segura son xa consideradas as máis catastróficas en 140 anos, dende outubro de 1879.

Seis persoas faleceron, na súa maioría logo de seren arrastradas polas correntes dentro dos seus vehículos. Un home de 58 anos en Redován (Alacante), un de 36 anos en Baza (Granada) e outro máis de 48 anos en Almería. Atopáronse tamén os cadávares de dous irmáns, home e muller, de 61 e 51 anos, respectivamente, en Albacete e o dun varón de 41 anos en Orihuela, que estaba desaparecido dende hai un día.

Noticias web

14/09/2019