CRTVG

Buscar

Viño, tapas e troula: volven os furanchos, que piden poder traballar en agosto

Publicado o 07/06/2020 15:18

Tortilla, pementos, orella... e moito viño... Os furanchos abren de novo, e con eles semellan quedar un pouco máis lonxe confinamentos e pandemias.

"Está fatal, como para non comer. Nós non comemos, por iso de bocata", ironiza unha clienta. "Teñen unhas tapas moi ricas e un viño especial", apunta outra. "Eu penso que todos os pratos están moi ben e moi ricos. Non temos así ningún que sexa especial, é a miña opinión", comenta unha das cociñeiras.

En Galicia hai máis de cincocentos destes locais que realmente son casas particulares dedicadas a vender os excendentes da súa colleita de viño e que por un decreto tamén poden servir tapas de acompañamento.

María del Carmen González, "Mari", propietaria dun furancho explica a orixe da palabra: "O nome do furancho vén polo furo. O barril ten unha especie de tapa. Cando iso se quita, ponse a billa e sácaselle o furo. Daí vén o de furancho".

Por lei, os furanchos poden abrir tres meses ata o 30 de xuño, e só excepcionalmente ata xullo. Pero pola pandemia, moitos destes locais estiveron pechados e non tiveron tempo a desfacerse dos seus excedentes (de viño). Por iso, piden que se lles permita traballar en agosto e que sexan os concellos quen o regulen.

Para José Luis Videira, propietario dun destes locais, esta petición "non é para abrir todos á vez nin para conseguir máis tempo de apertura. Trátase de vender o viño que temos almacenado, porque nos imos xuntar coa outra colleita e non sabemos que facer. Nós non podemos embotellar o viño, non lles podemos vender o viño aos bares".

Co virus aínda presente, os furanchos ou loureiros tratan ao seu xeito de ir recuperando a vida tal como era hai só tres meses.

Noticias web

07/06/2020